lunes, 4 de octubre de 2010

OS ARQUITECTOS HOMENAXEAN O CASCO HISTÓRICO DE BETANZOS NO DÍA MUNDIAL DA ARQUITECTURA

Con motivo do Día Mundial da Arquitectura, 4 de Outubro, a delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, decide homenaxear o Casco Vello de Betanzos.

O colectivo de arquitectos debía elexir unha obra nova, unha obra histórica e un tramo físico vinculados ao Camiño de santiago. O noso Casco Histórico é obxeto de homenaxe no epígrafe de obra histórica.

Neste sentido, a Asociación de Amigos do Casco Histórico celebra esta visión conxunta do noso núcleo histórico o que non fai senón reforza-la idea de que ademáis da estricta restauración dos inmobles de interese patrimonial o que prima é a rehabilitación e posta en valor de todo o conxunto.



     A continuación transcribimos o texto emitido pola Delegación coruñesa do Colexio de Arquitectos, que tamén podes baixarte nun arquivo .pdf picando na imaxe ou neste vínculo.

boletin_coag

UNHA OBRA HISTÓRICA: O CASCO VELLO DE BETANZOS

image

O peregrino cruza o río Mandeo pola Ponte Vella e entra en Betanzos, antiga capital dunha das sete provincias do Reino de Galicia, polo Arco da Ponte Vella, unha das portas da muralla medieval. A rúa dos Prateiros conduce ata a Porta da Vila e á populosa praza de García Irmáns.

A cidade presenta un dos conxuntos histórico-artísticos máis relevantes de Galicia. Do seu pasado señorial, da Baixa Idade Media, renacentista e barroco, falan rúas e prazas, igrexas, conventos, retablos e capelas. Entre os edificios civís destacan o Pazo de Bendaña (ss. XV-XVIII) e o Pazo do Concello (s. XVIII). Os templos góticos constitúen un conxunto de referencia: a igrexa de Santiago (s. XV) foi patrocinada por Fernán Pérez de Andrade, O Mozo, e ten na súa portada unha imaxe de Santiago Cabaleiro; presenta unha planta de tres naves e tres ábsidas e conta con capelas como a de don Pedro de Ben, xoia renacentista que contén un dos mellores retablos do renacemento galego, obra do escultor Cornielles de Holanda (s. XVI).

Outra igrexa gótica é a conventual de San Francisco (s. XIV), onde se atopa o célebre sepulcro de Pérez de Andrade, O Bo. Presenta unha fermosa cabeceira oxival e un notable conxunto de sepulcros señoriais nas súas ábsidas e cruceiro. A terceira igrexa gótica é a de Santa María de Azougue (s. XIV), de tres naves e tres ábsidas, cun retablo barroco no seu altar maior, no que se reutilizaron catorce relevos hispanoflamengos (s. XVI) dedicados á vida de María e á Paixón de Cristo.

Na praza dos irmáns García Naveira destacan a igrexa de San Domingos (s. XVII) e o seu campanario barroco construído entre 1700 e 1714 por Fernando de Casas Novoa, o Arquivo do Reino de Galicia, obra de tempos de Carlos III (1775) e a Biblioteca Municipal (s. XVIII). Deixando atrás esta praza, a ruta segue pola rúa do Rollo ata a ponte vella das Cascas, sobre o río Mandeo. Abandona o núcleo urbano e segue ata os lugares de Couto, Campoeiro e Xan Rozo, para entrar, máis adiante, no concello de Abegondo.

4 de Outubro (Día Mundial da Arquitectura)

Asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzosimage