Memoria de actividades 2009 - 2011
Presentámosvos a memoria de actividades desde 2009 a 2011 realizadas pola Asociación Amigos do Casco Histórico (CH) de Betanzos, que se presentou a todos os socios en recente asemblea xeral e que será difundida en folleto próximamente a toda a cidadanía.
Esta reflicte todas as actuacións desenvolvidas, co fin de reverter a progresiva deterioración do CH, tanto no espazo ruinoso de boa parte dos seus edificios, como polo declive no espazo económico-residencial, e conseguir un lugar dinámico e agradable no que vivir, legado de orgullo para futuras xeracións.
Desde a creación da Asociación, buscouse defender os intereses veciñais e sociais do Casco Histórico e monumental da nosa cidade en relación á súa estética, promovendo a súa rehabilitación integral e dando solucións aos problemas no ámbito da vivenda, salubridade pública, zonas verdes, tráfico, seguridade, revitalización social e económica, lecer, actividades sociais, culturais e deportivas. Tamén se apoiou a investigación de estudos sobre o CH, elaboración dun proxecto de restauración/conservación CH, promoción de foros, debates, seminarios e campañas divulgativas de concienciación sobre a necesidade de conservar o seu patrimonio cultural, así como unha oferta de recursos que facilitasen o desenvolvimiento económico, comercial e turístico.
A promoción de rutas e visitas guiadas co fin de coñecer o CH, creación de instrumentos informáticos en Internet para difundir actividades, mensaxes e comunicación coa cidadanía, tamén foron outra das tarefas realizadas.
O fin último do noso proxecto, é conseguir sensibilizar ás Administracións Públicas para que se impliquen en actuacións de mellora do CH promovendo un Plan Integral. O poder e atractivo de Betanzos está no seu CH e o futuro da cidade pasa pola súa rehabilitación a través dun Plan Integral acordado por todas as forzas políticas.
Por último, agradecemos a todos os medios de comunicación, a súa constante sensibilidade cara á cidadanía, demostrando o seu apoio ao CH
Betanzos a 1 de abril 2011.
A directiva
MEMORIA 2009 –2011 Podes descargar o folleto da memoria, pulsando no icono de abaixo, ou na imaxe da dereita, que che levará ao espazo de "windows live" onde está aloxada. |