En decembro do ano 2007, o Concello de Betanzos anuncia, a través da súa Alcaldesa Dona Maria Faraldo, a creación dun taller de comunicación audiovisual, que ía ter como principais fins a alfabetización audiovisual de todos os betanceiros que o desexaran, e ademais, a difusión e rexistro en soporte audiovisual, de todas as actividades culturais do pobo e das súas asociacións. A dirección do curso, que nace con vocación de continuidade, asúmea o cineasta brigantino José Carlos Soler, o mesmo que en novembro do ano seguinte 2008, dirixiría con gran éxito, a primeira edición do Festival Internacional de Cine Documental das Mariñas: XÓM (Xanela ó Mundo) | | O taller comeza a súa andadura, e baixo a inspiración e supervisión de José Carlos Soler, e colaboracións tan inestimables como a de Lucía Tenreiro ou Lourdes Suárez, tras moitas horas de traballo e entusiasmo dun grupo de betanceiros, nace o documental “Nuestro Castro”, que hoxe presentámosvos. O documental, ideado, dirixido, presentado, participado e producido en todos os seus tramos e fases, en Betanzos e por betanceiros, estréase como as grandes producións, no inigualable marco da Igrexa Conventual de San Francisco, e servindo como broche final da clausura do Primeiro Festival Internacional de Cine Documental das Mariñas, e ante persoas tan relevantes no mundo audiovisual galego como Manuel González, director da Axencia do Audiovisual Galega; José Manuel Sande, programador do CGAI; Mario Roldán, actor; David Pérez, realizador de Telecinco, e Iñaki González, director delegado de Antena 3, que formaban parte do xurado do festival. A partir deste momento o documental “Nuestro Castro” non ten moita sorte na súa promoción, de tal xeito que queda un tanto esquecido, e que nós saibamos, non se volve a exhibir, ata agora, en ningún medio de comunicación. Debido á inestimable colaboración de José Carlos Soler, e a de Antón Taboada, hoxe rescatamos dun inmerecido soño esta obra, na que os nosos políticos, comerciantes, persoas relevantes do pobo e veciños en xeral, expresan a súa opinión sobre o mellor xeito de revitalizar o noso Casco Histórico. O que van ver vostedes ten que gustarlles necesariamente, por que se van a ver a vostedes mesmos. Neste documental..¡Saímos todos! |