domingo, 20 de febrero de 2011

A Xunta de Galicia xa comprou oito casas das once que vai a rehabilitar no Casco Histórico Betanceiro

É unha boa noticia.

Un paso máis na recuperación integral do noso Casco Histórico.

O cumprimento dun compromiso da Xunta de Galicia con Betanzos, que non dubidamos que supón un gran esforzo, e un logro do actual equipo de goberno do que todos os betanceiros témonos que felicitar.

Somos os primeiros en recoñecer que foi unha casualidade nas datas, e que non ten excesiva relación co feito de que apenas uns días antes a Asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzos entregase máis de 3.500 firmas solicitando un plan integral de recuperación.

Aínda que tamén temos que recoñecer que parte da nosa felicidade débese tamén á íntima satisfacción que nos produce o feito de que achegamos o noso gran de area para que éste, como tantos outros proxectos, non caese no máis absoluto dos esquecementos.

Ao final, nós mesmos recoñecemos que unha asociación como a nosa, totalmente apolítica e coa única capacidade económica que procede exclusivamente das cotas dos seus asociados, pouco máis pode facer que expor novos proxectos, expor novas ideas, expor novas solucións, aínda que tamén consideramos como outro importante dos nosos labores, o de estar pendente de que os proxectos se cumpran, e ademais de cumprirse, que non se eternicen.

Por iso, despois deste momento de satisfacción e xúbilo, a Asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzos, pasará, sen máis descanso, a desempeñar o seu novo labor neste proxecto, que non é outro que lembrarlle á perezosa maquinaria político-administrativa, que a esencia deste proxecto non consiste en comprar 11 casas no casco histórico, se non rehabilitalas e que canto antes, se enchan de vida.

Iso é o que todos desexamos, “vida para o noso casco histórico” e se traballamos todos nese sentido, sen dúbida que o conseguiremos..

elidealgallego_172011

lavozdegalicia_170211

Sexa vostede o primeiro en comentar

Publicar un comentario