viernes, 21 de agosto de 2009

O Xogo do Tiruriru, novo agasallo institucional da Concellería de Muller Infancia e Familia

 

    A concellería de Muller Infancia e Familia do concello de Betanzos, dirixida por María de la Esperanza Sánchez Varela, do grupo municipal Cidadáns por Betanzos (CxB), adquiriu por medio da Asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzos, 100 xogos do "Tiruriru", deseño de Luís Galán, o mesmo xogo que esta Asociación, presentou e promocionou en Betanzos con motivo da Feira Franca Medieval.


    O acto que congregou a numerosos xornalistas, tivo lugar diante da Casa do Concello de Betanzos, en pleno Casco Histórico, na praza da Constitución, hoxe venres 21 de agosto, e a entrega dos xogos foi realizada polo vicepresidente da Asociación, David Martínez Máquez, e a secretaria Mercedes Rosende Gabín, e segundo declarou a propia concelleira o seu primeiro destino será o de servir de premio nos diferentes xogos e concursos infantís que se realizan nestes días con motivo das festas patronais, aínda que tamén usaranse como agasallo institucional desta concellería tanto a betanceiros como a visitantes.


    No remate do acto, a concelleira e os membros da Asociación presentes no mesmo, alabaron o deseño do xogo que co tema de fondo das Danzas de Mariñeiros de Betanzos, propón un percorrido por diferentes lugares do noso Casco Histórico, e intercambiaron nun clima de cordialidade ideas e opinións sobre a súa mellor promoción, asentado así as bases para futuras colaboracións.


    A casualidade quixo que o primeiro en recibir o xogo de mans da concelleira fose un neno catalán que naquel momento visitaba o noso Casco Histórico na compañía da súa familia.
Hincha do Barça de toda a vida, confesounos estar encantado co xogo e a partir de agora imaxinámolo na súa casa de Reus saltado de mareante en mareante, e tendo moito coidadiño de non caer no temido "gamachiño".


A maqueta de gran tamaño do xogo de Luís Galán, usada na presentación, foi obxecto da curiosidade de numerosos turistas que naquel momento paseaban pola zona


Sexa vostede o primeiro en comentar

Publicar un comentario