miércoles, 21 de abril de 2010

Betanzos estrea novos paneis informativos no Casco Histórico

novos paneis informativos en Betanzos

     Aínda que con certo atraso sobre o previsto, lembremos que a súa instalación estaba prevista para o mes de novembro pasado, comezou a instalación de novos paneis informativos no noso casco histórico.

     Os novos paneis en tres idiomas: galego, español e inglés, e cunha nova disposición en vertical, veñen substituír aos antigos, unicamente en idioma galego, que se instalaron nos tempos nos que o BNG detentaba a Concellería de Casco Histórico, supoñendo naquel entón un importante avance.

     Outras forzas políticas, a propia Asociación Amigos do Casco Histórico e en xeral, veciños e visitantes de Betanzos, fixeron notar repetidamente a necesidade de que estes paneis estivesen nas tres linguas máis utilizadas polas persoas interesadas en coñecer o noso patrimonio, e agora empeza a concretarse esta petición.

     Esperamos que nos próximos días váianse renovando todos os paneis que nos 36 lugares diferentes da nosa cidade, dedícanse a explicarlle ao cidadán a importancia do que está a ver en cada caso.

     Como a felicidade poucas veces pode ser completa, xa empezaron a xurdir as primeiras críticas referentes á tradución do texto ao inglés, que a dicir de varios expertos en moitos casos non é a máis acertada e mesmo ás veces con tantos erros que a fan incomprensible.

     Esperemos que isto último se corrixa, e que se acuda a un experto coñecedor da lingua inglesa para traducir estes textos para os paneis que faltan por pór, e corríxanse os fallos que houbera nos xa postos.

     Polo resto non cabe máis que felicitarnos todos polo feito de que por fin se concrete esta iniciativa tan necesaria para a imaxe e promoción do noso Casco Histórico.

novos paneis informativos en Betanzos

Sexa vostede o primeiro en comentar

Publicar un comentario