“Restauro” unha revista internacional do patrimonio histórico, feita en Betanzos
“Restauro” Revista internacional do Patrimonio Histórico, dedícase a tratar temáticas relativas á conservación, restauración e rehabilitación do patrimonio cultural. Ten a súa redacción e lugar de impresión en Betanzos, e diríxea Juan María García Otero, moi coñecido polos seus traballos sobre Betanzos e as súas colaboracións no Anuario Brigantino, sendo o seu coordinador xeral Alfredo Erias Martínez, director desta última publicación e tamén do noso Museo e Biblioteca Municipal.
A revista, ademais de distribuírse nunha coidada impresión en soporte papel, tamén pode consultarse en formato pdf a través da súa páxina web www.revistarestauro.com
No pouco tempo que leva de vida, a revista xa suscitou as críticas máis favorables pola calidade do seu contido e a súa coidada presentación. A última delas aparece un un artigo de opinión asinado por José Manuel García Iglesias en El Correo Gallego, do que é colaborador habitual.
José Manuel García Iglesias entre outras cousas, é Catedrático de Historia de Arte Moderna e Contemporánea na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago desde 1986.
Desde a Asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzos, desexámoslle longa vida a esta publicación, que contribúe coa súa calidade a acrecentar o noso orgullo como betanceiros, incorporándoa para facilitar o seu mellor acceso á nosa lista de ligazóns.
Sexa vostede o primeiro en comentar
Publicar un comentario