viernes, 23 de julio de 2010

O IGVS destinará este ano preto de cinco millóns de euros a subvencionar a rehabilitación de vivendas no medio rural e conxuntos históricos

A fonte da noticia é a propia páxina oficial da Xunta de Galicia

sub_xunta_2010

Para a rehabilitación rural destinaranse 2.580.000 euros

A rehabilitación en conxuntos históricos contará cun orzamento de 2.400.000 euros

Para optar ás axudas será necesario dispoñer da cédula de rehabilitación de calidade ou da conformidade ás actuacións propostas para a obtención da cédula

Santiago, 19 de xullo de 2010.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) destinará un total de 4,98 millóns de euros a subvencionar obras de rehabilitación en vivendas emprazadas no medio rural e en conxuntos históricos, tal como establece a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

As axudas para rehabilitación de vivendas no medio rural acadarán un total de 2.580.000 euros, distribuídas da seguinte maneira entre as catro provincias galegas: A Coruña 464.400 euros, Lugo 903.000 euros, Ourense 696.600 euros e Pontevedra 516.000 euros.

Polo que respecta ás axudas para rehabilitación de vivendas en conxuntos históricos, o importe total de axudas será de 2.400.000 euros, co seguinte reparto: A Coruña 797.000 euros, Lugo 805.000 euros, Ourense 441.000 euros e Pontevedra 357.000 euros.

Tanto en rehabilitación rural como en conxuntos históricos, as vivendas para as que se solicite a axuda deberán estar en posesión da cédula de rehabilitación o da resolución de conformidade ás actuacións propostas para a obtención de dita cédula, sempre que o prazo de remate de ditas obras que figure na resolución de conformidade no supere o 31 de decembro de 2010.

O importe das axudas será do 50 por cento do orzamento que figure na resolución de conformidade, cun límite máximo de 6.600 euros cando se trata de actuacións de rehabilitación e de 8.600 euros cando sexan actuacións de renovación, que inclúen traballos máis profundos que a rehabilitación.

O importe desta subvención, sumado ao de outras que poidan ser compatibles, non poderá superar o 75 por cento do orzamento protexible. Asemade, o importe total das axudas obtidas para o mesmo fin, sexan subvencións, axudas, ingresos ou recursos de calquera tipo, non poderá superar o custo total da actividade subvencionada,

Todas aquelas persoas que desexen acceder ás subvencións para rehabilitación rural, ademais de dispoñer da cédula de rehabilitación ou da resolución de conformidade antes indicadas, é necesario que os ingresos dos solicitantes non superen 3,5 veces o Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples (Iprem).

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes, contado a partir de mañá.

Sexa vostede o primeiro en comentar

Publicar un comentario