Admirando Betanzos: Su arquitectura popular. Galería de imaxes
Continuando coa súa labor de promoción e dinamización do noso casco histórico, o pasado domingo 15 de Maio, a ASOCIACIÓN AMIGOS DO CASCO HISTÓRICO DE BETANZOS organizou una visita guiada polo casco histórico de Betanzos, baixo o título “Admirando Betanzos: su arquitectura popular”.
Arredor de 40 persoas reunímonos as 11 da mañá na Porta da Vila, onde nos esperaba a betanceira María Álvarez Crespo, quen exerceu de guía. No noso recorrido polas rúas Fonte de Unta, Monxas, Arco da Ponte Vella, Cerca, Porta do Cristo, Galera, Arco da Ponte Nova, San Francisco, Praza de Fernán Pérez de Andrade e Rúa Nova, expúxonos a evolución da arquitectura popular: dende as vivendas con sobrado e hórreo, ao balcón corrido, soportal e ventá galerada, hasta chegar ao nacemento da galería que foi favorecido pola aparición do vidro plano e cortado, fabricado na Granxa de San Ildefonso, que se traía para acristalar a popa dos galeóns en Ferrol. María tamén nos amosou a obra dalgúns importantes arquitectos contemporáneos coma Juan de Ciórraga; Antonio de Mendoza ou González Villar.
Nesta visita aprendemos que antes dos incendios que destruíron Betanzos había sobrados de madeira e hórreos nas zonas onde vivían labradores e mariñeiros, que as galerías pintábanse normalmente de branco, o forxado dos corrillos de branco ou negro e o balcón corrido de castaño ou verde, e que esta última cor resultou tan característica que acabou sendo coñecida como “verde Betanzos”.
Pasaba un pouco da unha cando rematamos a visita, esperando que contribuíra a coñecer algo mellor a nosa cidade para que sexamos capaces de valorala e conservala xa que, como mencionou a nosa guía, conta cunha das mostras de arquitectura popular máis fermosas e completas de Galicia.
Sexa vostede o primeiro en comentar
Publicar un comentario