O pasado 20 de novembro, celebrouse en Betanzos, á iniciativa da concellaría de Infancia e Familia, un “pleno infantil”, no que os nosos escolares analizaron con seriedade e sensatez envexables, moitas das carencias da nosa cidade.
Como todos lembrardes, unha das propostas máis suxestivas e ambiciosas deste “pleno” foi a recuperación do noso Casco Histórico, achegada polos alumnos de 6ºA do colexio Vales Villamarín de Betanzos.
A Asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzos, quixo transmitir a nosa felicitación e ter un recoñecemento especial pola súa razoada proposta aos alumnos de 6º A do Colexio Vales Villamarín de Betanzos, e aos seus mestres e profesores, e aproveitando estas festas do Nadal, o noso presidente Antonio Asensi, desprazouse a este centro educativo para facerlles entrega duns xogos do “tiruriru” dos mareantes de Betanzos, deseñado por Luís Galán, para que gocen xogando, e á vez que profundicen nos coñecementos da nosa historia e tradicións.
Énchenos de orgullo e satisfacción saber que xa se están formando nas nosas aulas as novas xeracións dispostas a tomar o relevo na defensa do patrimonio que recibimos dos nosos maiores.
Noso máis sincero parabén e felices festas.
Sexa vostede o primeiro en comentar
Publicar un comentario