martes, 24 de noviembre de 2009

Os nosos escolares piden a rehabilitación do noso Casco Histórico

     O pasado venres 20 de novembro, e con motivo da celebración do Día Mundial da Infancia, tivo lugar no salón de plenos do concello brigantino, o segundo pleno infantil que se celebra na nosa cidade, como consecuencia da iniciativa da nosa concelleira de Infancia e Familia, Esperanza Sánchez.

     Aínda que presidido polo noso primeiro tenente alcalde Javier de la Fuente, os espazos ocupados normalmente polos nosos representantes electos, ocupábannos nesta ocasión alumnos dos nosos centros de ensino.

     As propostas e peticións, todas moi sensatas por certo, que debateron os nosos escolares, foron do mais variado, e van desde a renovación do instrumentos da banda, unha pista de skate, a limpeza do río, un auditorio, un novo colexio, un centro de educación viaria, e un centro de lecer infantil, a outras moitas reivindicacións menores, todas moi razoadas e razoables.

     Pero sen lugar a dúbida para nós é de resaltar a petición realizada por un grupo dos nosos escolares, máis concretamente a dos alumnos de 6º A do colexio Vales Villamarín, quen levaron “a pleno” nin nada máis nin nada menos que unha proposta de rehabilitación do noso casco histórico.

     A ambiciosa e inesperada proposta, ademais de enchernos de tenra satisfacción, vénnos a confirmar na idea de que a mellora do noso casco histórico non é só cousa de turistas e comerciantes, e que a súa posta en valor é desexada por todos os veciños de Betanzos, residentes ou non residentes nesta zona, pero tamén, e é o que nos gusta, por maiores e novos, é dicir con independencia da súa idade.

     A Asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzos, quere felicitar pola súa razoada proposta aos alumnos de 6º A do Colexio Vales Villamarín de Betanzos, e énchenos de orgullo e satisfacción saber que xa se están formando nas nosas aulas as novas xeracións dispostas a tomar o relevo na defensa do patrimonio que recibimos dos nosos maiores.

     Noso máis sincero parabén. Quédanos a todos moito traballo por facer, pero coa axuda dos nosos mozos, nada debería de asustarnos.

Amigos do Casco Histórico de Betanzos

Ao día seguinte os xornais o recollían desta maneira:

Recorte do  xornal “La Voz de Galicia” do sábado 21 de novembro de 2009
Recorte do xornal "La Voz de Galicia" correspondente ao sábado 21 de novembro de 2009

Recorte do xornal "El Ideal Gallego" do sábado 21 de novembro 2009

Recorte do xornal "El Ideal Gallego" correspondente ao sábado 21 de novembro de 2009

1 Comentario:

Anónimo dijo...

E de aplaudir a sinceridade dos nenos/as no pleno en cuestión. Tamén é de aplaudir a iniciativa das persoas que tiveron a iniciativa de inculcarlles os cativos/as o sentimento de que o casco histórico necesita de todos.

Publicar un comentario