Resultados Feira Medieval 2009
O fin de semana do 10 ao 12 de xullo celebrouse no casco histórico da Betanzos unha nova edición da Feira Franca Medieval. Como ben sabedes todos a Asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzos estivo presente nunha caseta da devandita feira. As actividades levadas a cabo pola asociación durante a feira medieval foron principalmente tres: informar sobre o nacemento e finalidade da nosa asociación, realización dunha enquisa para coñecer a opinión da xente sobre o casco histórico e dar a coñecer “Xogo do Tiruriru dos mareantes de Betanzos”.
Durante todo o fin de semana houbo unha grande afluencia de público á caseta, sobre todo durante a tarde, tanto para interesarse pola asociación como para obter información do casco histórico e da propia Feira Medieval xa que, segundo nos manifestaron, a información turística sobre o casco é moi escasa e a da Feira só estaba dispoñible en galego .
Por outra banda, a cooperación cidadá á hora cubrir as enquisas (dispoñibles en galego e castelán) sobre o estado do casco histórico tamén foi moi importante. A día de hoxe, a falta de recoller alguhas enquisas que levou a xente para cubrir na casa, o reconto provisional é o seguinte:
Residentes do casco | 109 pers. |
Residentes de Betanzos | 157 pers. |
Residentes da comarca | 98 pers. |
Visitantes asiduos | 81 pers. |
Visitantes ocasionais | 119 pers. |
Sen especificar | 7 pers. |
TOTAL | 571 pers. |
Por outra banda o “Xogo do Tiruriru dos mareantes de Betanzos” tivo tamén unha grande acollida. Cabe destacar que durante tódolos días estivo rodeado de nenos (e non tan nenos) xogando e pasándoo ben, mentres percorrían e coñecían os recunchos máis significativos e belos do casco histórico brigantino no taboleiro xigante que nos prestou Luís Galán durante toda a Feira. Opcionalmente ofrecíase á xente, a cambio dunha colaboración, unha versión máis manexable para que puidesen seguir xogando nas súas casas.
Dende a Asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzos queremos agradecer a colaboración do Concello de Betanzos, facilitándonos a caseta utilizada na feira, e a toda a xente que colaborou connosco cubrindo as enquisas ou a través do “Xogo do Tiruriru dos mareantes de Betanzos”.
1 Comentario:
Enhorabuena a todos!!!
Publicar un comentario