lunes, 20 de julio de 2009

Na Fundación CIEC pódese ver ata o mes de setembro unha exposición da obra gráfica de Manolo Valdés

 

          A Fundación CIEC, Centro Internacional da Estampa Contemporánea, presenta a mostra "Manolo Valdés Gráfico" durante os meses de xullo e agosto de 2009 na súa sede de Betanzos. Esta importante exposición segue a estela das anteriores mostras estivais que se organizaron noutras ocasións neste importante  centro brigantino; "Picasso Desconocido" en 2006, Le Corbusier, Le Poême de l´angle droit" en 2007 e "Dalí y la Divina Comedia" en 2008, co obxectivo de permitir o achegamento e a contemplación directa da obra gráfica de grandes autores.


         A Fundación CIEC nesta ocasión reuniu un conxunto de máis de 40 obras deste autor, sendo a primeira vez que un grupo tan numeroso da súa obra gráfica exponse en Galicia e isto foi posible grazas á colaboración de importantes galerías de arte como; a Galería Marlborough, a Galería Hispánica e a Galería Raiña Lupa.

         Desta forma Valdés visitou Galicia de forma notable este ano, xa que todos puidemos contemplar no principio do ano no fantástico marco da Praza María Pita da Coruña as súas esculturas. Os que gozaron con aquela mostra teñen outra nova oportunidade de contemplar a súa obra na histórica vila de Betanzos no marco da Fundación CIEC e con iso profundizar no coñecemento da obra seriada sobre papel deste autor.


       Nesta mostra poderemos gozar de moitas das imaxes icónicas procreadas por este artista, aquelas que extrae da historia da arte española e dos seus mestres, como as "Marianas", "Caballeros", "Helenas", etc. Tamén obras recentes que veñen directamente á mostra do taller de estampación como os "Dog" inspirados no can semiafundido de Goya. En todas elas Valdés propón ao espectador un xogo, unha procura na memoria de imaxes da arte, as cales resultan persoais e novas a través dun orixinal tratamento dos perfís e fondos por medio do gravado. Tamén están os seus "Paolos", as súas "Mulleres con abanico".

   

          A mostra inaugurouse o pasado día 9 de xullo e foi presentada por Pedro Galilea, director adxunto da Fundación CIEC, e contou coa asistencia da alcaldesa de Betanzos, María Faraldo, outros concelleiros, e Jesus Nuñez, presidente e fundador da Fundación Centro Internacional da Estampa Contemporánea, CIEC.

          A exposición estará aberta durante os meses de xullo e agosto de 2009, de martes a sábado de 10 a 14 e de 17 a 21 horas.


 
 

A Fundación CIEC, Centro Internacional da Estampa Contemporánea, que dirixe o artista Jesús Núñez en Betanzos, ocupa un dos edificios máis singulares do noso Casco Histórico.


Casa Núñez - Sede da Fundación CIEC en Betanzos

Foto Marisa Gabín

Casa comercial Hijos de A. Núñez (Casa Núñez)

Arquitecto: Rafael González Villar  

A Casa Núñez foi construida na década dos anos vinte, seguindo o proxecto do arquitecto Rafael González Villar, autor de edificios betanceiros como as Escolas Jesús García Naveira ou o Palco da música do Cantón de Claudino Pita.

A construción foi proxectada para albergar dúas actividades. Por un lado, uns grandes almacéns comerciais e por outro a corresponsalía do Banco de España en Betanzos. Esta singularidade formará parte do xerme das decisións de composición exterior do edificio. Así a fachada amosa a diferenciación dos dous establecimentos conseguindo, ao mesmo tempo, unha unidade de conxunto.

A planta baixa cos seus vanos rectangulares e o paramento acabado con llagueado horizontal conforma un zócalo que serve de apoio ás dúas plantas superiores, resoltas cos paramentos pintados e os ocos con recercados resaltados. Desta fachada exterior cómpren destacar o balcón da segunda planta dos almacéns, deseñado como unha reinterpretación dun elemento tradicional como é o típico corredor das casas betanceiras, e os recercados de ventás ornamentados con escudos herálicos vacíos (elemento frecuente na decoración de González Villar), seguindo unha composición vertical de varias plantas rematadas cunha peineta que serven de contrapunto compositivo á horizontalidade do conxunto.

Sen embargo, os momento máis intensos do edificio revélanse na súa configuración interior. Dende a entrada e a través dun espacioso vestíbulo ao que asoman os escaparates, franqueando as portas de acceso con vidrieiras estilo Déco, chégase a un recinto interior de dúas plantas cun gran vacío central iluminado por un lucernario rectangular. Este espazo central está focalizado por unha escaleira de tres tramos que arrancan con tres peldaños curvilíneos sen pasamáns. Todo o interior configura un conxunto armónico onde a ornamentación está baseada en trazados xeométricos con reminiscencias de elementos decorativos da Secesión Vienesa. Sobresaen os esbeltos pilares metálicos rematados con capiteles de madeira, as luminarias e tódolos elementos de balaustrada.

Hoxe en día o edificio é a sede do Centro Internacional de Estampa Contemporánea (CIEC), e na súa planta baixa está ubicado o popular Café La Banca, convertindo este lugar en obxecto de obrigada visita durante o percorrido polo noso Casco Histórico.

1 Comentario:

betanceiro dijo...

Sempre se aprende algunha cousa...
Non me decatara que a Casa Núñez e o Palco da Música foran da man do mesmo arquitecto...
Bos tempos aqueles para a arquitectura betanceira...
A ver se os revivimos!!!!!

Publicar un comentario