A lepra foi unha das primeiras enfermidades descritas no mundo antigo. A Biblia considerábaa non só como unha enfermidade do corpo, senón tamén como unha enfermidade da alma. Incurable ata hai apenas uns poucos anos, introdúcese en Betanzos na Idade Media a través dos soldados que volven das conquistas e cruzadas. Para evitar o contaxio, aos leprosos excluíaselles da vida común, e prohibéuselles vivir dentro das murallas da cidade, obrigándoos a vivir “extramuros” nunha zona do actual barrio da Madalena. Levábase ao doente aos límites da cidade onde se lle recitaban as prohibicións: prohibíaselle a entrada a igrexas, mercados, muiños ou calquera reunión de persoas; lavar as súas mans e roupa en calquera regato; sair da súa casa sen usar o seu traxe de leproso; tocar coas súas mans as cousas que quixera mercar; entrar en tabernas en busca de viño; ter relacións sexuais excepto coa súa propia muller; conversar con persoas nos camiños, a menos que se atopase afastado delas; tocar as cordas e postes das pontes, a menos que se puxera unhas luvas; achegarse aos nenos e novos; beber en calquera compañía que non fose a dos propios leprosos; camiñar na mesma dirección do vento polos camiños… Unha vez proferidas todas estas, e outras parecidas prohibicións, dábaselle ao leproso unha capucha de cor marrón ou gris, e unha campá ou un par de castañuelas para avisar á xente da súa proximidade. O leproso, só e desamparado, debía vivir afastado de todas aquelas persoas que non foran castigadas coa lepra, e nunca máis podería presentarse en lugares públicos. |
Sexa vostede o primeiro en comentar
Publicar un comentario